domingo, 21 de febrero de 2010

ENTROIDO (carnaval)

A Serra, símbolo universal de bravura e de resistencia, foi onde se preservou o fascinante Entroido Ourensán, que hoxe se manifesta en múltiples pobos, todos ubicados arredor do Macizo Central Ourensán: Laza, Verín, Xinzo, Viana, Maceda, Manzaneda, Sarreaus, Vilariño de Conso…que é onde estivemos o domingo de Antroido á mañán:
As aldeas deste concello, vencendo ao despoboamento e o afastamento cotián, amósannos con orgullo este dia os seus folións. Todos, de cativos a vellos participan, tocando enormes tambores, pero tamén percutindo gadañas e eixadas, cada un co seu ritmo ou o seu baile, e os seus característicos boteiros (que é como se coñecen os personaxes enmascarados e de rechamante atavio nesta zona).
Hai que deixar que o retumbar dos bombos, vibrando ata o corazón, nos enchan o corpo de emoción.
Ainda que a maioria van con guantes, sempre hai alguén que se deixa a pel das maos na do bombo.
Iso si, o dia estaba frio, como se pode ver neste fermoso carambelo á entrada do pobo.


DE ANIMAIS:

O pasado ano, unha das porcas de raza celta que trouxéramos para cebar, resultou vir preñada,sen contar con elo, e trouxo 7 fermosos bacoriños…dos cales quedaron dous, que son os porcos que podedes ver este ano na casa, ata a matanza no inverno que ven. Son un cruzamento de celta con porco de raza industrial. Un deles ten aspecto de celta, co seu corpo máis longo e estreito e as grandes orellas caidas sobre a cara.
O pequeño galiñeiro da casa veu aumentar a sua diversidade(gracias Ramom) con duas pólas novas de raza piñeira, unha pita de aptitude poñedora, da zona de Arzua, e que se está a recuperar. Comparten xa o poleiro coas pitas e galo da tamén raza autóctona, galiña de Mos, de maior tamaño e da que se obteñen bos polos, e os afamados capóns de Vilalba. Así como con algunha pita hibrida de poñedoras industriais.
As razas autóctonas supoñen un gran valor patrimonial, un tesouro de xenética única que non poden desaparecer no afán do productivismo que homoxeneiza a producción animal cunhas poucas razas seleccionadas só buscando unhas altas produccións, a costa de perder rusticidade, adaptación a unha rexión e a unha alimentación que aproveitaba os recursos locais.